postheadericon Escolares de 8 a 10 anos crean un conto ilustrado contra a violencia de xénero

Tempo atrás, os polbos que habitaban no fondo do mar non eran morados coma agora, senón amarelos. Foi o maltrato físico dun deles á súa parella, e a intervención dos demais cefalópodos, que se solidarizaron coa vítima e saíron na súa defensa, o que fixo que estes animais adquirisen a súa tonalidade actual. Esa é, moi resumida, a historia que conta “A cor violeta dos polbos”; un conto creado e ilustrado polo alumnado de terceiro e cuarto de primaria do colexio Valle-Inclán, e impreso polo Concello. Os responsables do proxecto reuníronse esta tarde na Sala das Cunchas da casa consistorial; onde, arroupados por mestres, pais, nais e outros familiares, presentaron un proxecto que se complementa con pictogramas, deseñados para facer o libro accesible tamén aos rapaces que padecen trastornos do espectro autista.
Abordar nas aulas un problema da gravidade e relevancia da violencia machista era algo que os mestres do colexio de Ardia consideraban importante facer, de cara a fomentar condutas respetuosas e instaurar o concepto de igualdade entre os máis novos. Foi no primeiro trimestre, coa vista posta no Día Internacional contra a Violencia de Xénero que se conmemora o 25 de novembro, cando comezaron a facelo, e cando xurdiu un proxecto que agora se ten transformado en libro.
Cativos de entre 8 e 10 anos foron os encargados de escribir a historia e deseñar os personaxes; primeiro sobre o papel, e despois empregando plastilina para moldear unhas escenas que acto seguido se encargaron de fotografar e retocar dixitalmente.
Todo o proceso creativo foi explicado esta tarde polos seus protagonistas nunha ateigada Sala das Cunchas. Foi nun acto no que, a pesar da presenza dunha boa parte do profesorado do centro, o protagonismo recaeu practicamente por completo nas nenas e nenos.
Tampouco a concelleira de Asuntos Sociais, Noemí Outeda, quixo perder unha cita que se inclúe na programación deseñada polo Concello para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller. A edil destacou a importancia da educación a idades temperás para poder acadar o obxectivo da igualdade real entre homes e mulleres e a erradicación de todas as formas de violencia machista. Pois non hai que esquecer que os nenos de hoxe serán os adultos de mañá. Nese senso, Outeda salientou a capacidade de asimilación dos cativos, e a importancia que a educación e os valores transmitidos aos rapaces nos seus primeiros anos terán na súa mentalidade e conduta futura.
A concelleira loubou todo o traballo realizado polos escolares do Valle-Inclán. “Non queriamos que un proxecto coma este quedara simplemente entre as catro paredes do colexio; por iso decidimos dar un paso adiante e imprimilo para poder chegar a máis xente”, explicou a responsable municipal de Igualdade. O libro, impreso en tamaño A4 en calidade revista, distribuirase en todos os centros escolares do concello; así como en bibliotecas, axencias de lectura e no centro de saúde.

Comments are closed.

Follow

Get every new post on this blog delivered to your Inbox.

Join other followers: