postheadericon O alumnado do Valle-Inclán difunde as peculiaridades de “vivir tocando o mar”

fotocole-1000x666Que teñen en común as colareiras, a Festa do Marisco e os mariñeiros e mariscadoras co caricaturista Gogue? Efectivamente: todos eles son parte da sociedade grovense, e coa súa actividade diaria contribúen a dar forma á particular idiosincrasia dunha península que é tamén a reserva ornitolóxica máis extensa de España; e cuxos fondos mariños poden presumir dunha rica biodiversidade. Coñecer os detalles de todos estes aspectos; e, en definitiva, facer que nenos e nenas sexan un pouco máis conscientes da súa realidade máis inmediata; é o obxectivo de “Vivir tocando o mar”; un proxecto no que o alumnado de todos os cursos do colexio Valle-Inclán leva traballando dous trimestres; e que agora os rapaces tentarán divulgar máis aló do seu centro escolar. Pequenas gravacións audiovisuais, nas que os cativos tentaron explicar as particularidades do traballo das “Mariscadoras en 21 segundos”, xa foron publicadas a través do blog do colexio. E agora os estudantes enfróntanse ao reto de dar forma a noticias xornalísticas que tamén dean conta de todo canto levan feito e aprendido. Esta mañá, coincidindo coa Semana da Prensa que as escolas galegas celebran ata este venres, os escolares compartiron parte da súa xornada con representantes de varios medios de comunicación comarcais, entre os que estivo Todogrove.
Os alumnos do Valle-Inclán están a aprender este curso moito máis que matemáticas, lingua ou ciencias. Grazas a distintas actividades, impulsadas polos mestres de diferentes materias, os cativos son un pouco máis conscientes do especial que é ter a oportunidade de contemplar de preto e sen saír da casa aves migratorias chegadas dende afastadas latitudes; da dureza das xornadas de traballo de mariscadoras ou mariñeiros; ou da cantidade e variedade de fauna e flora que habita os fondos mariños do Grove e o Parque Nacional das Illas Atlánticas, e que “é necesario respectar e preservar”.
Desta aprendizaxe son responsables os traballos realizados nas aulas, como fichas, murais e outras manualidades, como unha batea manufacturada con cartón e papel. Pero tamén diversas actividades ao aire libre: para avistar aves na enseada do Vao; ou para conseguir, mediante unha cadea humana, levar auga desde o mar ao cole para encher un acuario, que cada día permite aos rapaces habituarse á imaxe de mexillóns, nécoras, bois e distintos peixes da zona.
Das posibilidades culinarias que ofrece O Grove tamén puideron saber os escolares nun obradoiro de elaboración de bocatas con conservas de peixe e marisco; ou nas celebracións do Entroido, nas que as sobremesas típicas desas datas foron protagonistas. Ademais, o mar tamén estivo presente noutras actividades, como o Samaín ou a carreira solidaria na que participaron os cativos; ás que o profesorado se ten esforzado por introducir sempre un matiz autóctono: organizando equipas con nomes de animais mariños; ou animando aos nenos a que, en lugar de cabazas normais, tallasen figuras inspiradas en motivos do litoral meco.
As familias son o outro gran pilar sobre o que se basea o importante traballo realizado nos últimos meses. E é que o apoio e colaboración dos pais ten sido crucial á hora, por exemplo, de dar forma á exposición fotográfica na que os escolares amosaron as instantáneas realizadas durante a última edición da Festa do Marisco.
De que neste momento unha boa parte do alumnado do Valle-Inclán queira ser caricaturista ou colareira son responsables, respectivamente, Gogue e Montse Betanzos; que nos últimos meses tamén se teñen desprazado ata o colexio de Ardia para explicar os detalles do seu traballo á rapazada.

VIVIR TOCANDO O MAR

Comments are closed.

Follow

Get every new post on this blog delivered to your Inbox.

Join other followers: